martes, 28 de abril de 2015

Jhony

Jhony

 (relato?)



I



   Coñezo a un home que foi músico.

   Agora é fontaneiro.

   Os venres, no lusco fusco, marcha para Esteiro -Muros -, e pasa a fin de semana pescando.



II



    Souben del, polo seu oficio.

    (con luces e sombras )

    Empecei a consideralo cando o vin desfilando de confrade -coa súa vela na zurda-

    na procesión da Quinta Angustia.

    (nun deses domingos de semana santa en que Compostela detén o tempo e levita).



III



 Foi nese mesmo ano, cando empezamos a falar e intimar.

 Atopámonos - xa era inverno - na Catedral

 Penso que foi naquel intre cando el tamén me descubriu e valorou...

Quizais foi a miña devoción artística pola S.A.M.I. a que lle axudou a percorrer -incansable-, a planta enteira...parándonos na capela do Salvador, diante da imaxe de María Madalena (eran os días, ehem, do Código Davinci) ou buscando, sen éxito, a tumba do insigne Domingos de Andrade, na capela do Descendemento...

A miña fascinación era auténtica : viñeron algúns dos tiraboleiros para avisarnos de que era  hora de pechar
(lembrade o horario: de sete da maña, a nove da noite; tódolos días, o ano enteiro, de balde...)



IV



Así que -imaxinade -, cando viña ó Polígono a buscar tubo e pezas inoxidábeis, para facer a fontanería da urbanización de Conxo - por exemplo -, había unha complicidade, un chiscalo ollo ... - non sempre podiamos falar –

(presas, outra xente...).

El preguntábame pola miña afección relixiosa...

Eu dicíalle que de relixiosa nada! Que era histórica e artística!

Logo,  inquiríalle sobre a cana de pescar que levaba na furgoneta...

El contábame a ledicia da captura en Esteiro, sen presas, aló polo solpor...

sempre levas algo fresco para a cea!



V



Neses azares misteriosos (que son o noso devir vital),  ocorren cousas –sen nós sabelo - que nos levan sempre a maxia que enche o noso espírito.

 Pensade: que fai un tipo coma min, lendo a “folla parroquial”, da que sempre abominei?

 (Iso lévanos a carreiros inexplorados ; a bendita ledicia dos devoradores compulsivos de letras  - organizadas  en frases, oracións- /desde pequenos/ ...tebeos, novelas de vaqueiros)

Así que foi iso - a incapacidade  de tomar algo, sen ollar o xornal municipal -

E alí estaba , medio escondido nas novas locais...en castelán, of course !



VI



 “Vuelven los Potes”.

El mítico grupo compostelano, fundado por Baby, Kike, Jhony, Pichi e Ito, debutó el 31 de diciembre de 1965 en el restaurante Caracas de O Milladoiro.

El conjunto, con una media de edad de 16 años,  tenía una decena de canciones en su repertorio y su equipo musical estaba hecho con materiales de segunda mano.

Hoy, aquellos pioneros del pop santiagués, se reúnen en la sala  C.

Baby ( .....)

Kike ( ....)

Jhony (.... )

Pichi ( ....)

Ito ( ....)

volverán a recrear aquellas canciones de los 60 que llevaron por toda la provincia de La Coruña, en verbenas, festivales y salas de fiestas como el  ChaChaClub, de Santiago, dónde tantas parejas se enamoraron con su música...



VII



Eu fiquei abraiado!

O meu fontaneiro pescador, amén de confrade, tamén  era músico!

...e dándome alí, onde máis doía, naqueles anos sesenta, que eu tiña tan mitificados (espiritual e musicalmente!)

....

Rematei o café e, con disimulo, roubei a páxina...que tesouro!



VIII



 Xa supoñedes a miña impaciencia diaria, agardando a súa visita  na procura de material inoxidable.

Aprendín nomes e datas do evento  musical (non quería falarlle cun recorte diante...parecíame moi artificial)

 Eu quería potenciar esa confianza e incipiente amizade (ese “feeling” de cousas comúns)

e matinaba nas cancións daquela época, lembrando os grupos pioneiros

-non sei porqué, pensaba que so estaban en Madrid, ou Barcelona – Brincos, Sirex, Miky y los Tonis, Pekenikes....

e custábame asimilar que en Compostela houbese rapaces que fosen  músicos “modernos” ...

Se aquí (Galicia) todo eran orquestras!



IX



 A música gustábame moito.

Ós catorce anos empecei a traballar de pinche nunha empresa de fontanería (do que, logo, sería o meu sogro).

Había tempo para ir o Conservatorio, xa sabes, nas Casas Reais.

Fixen tres anos.

Todos tiñamos coñecementos.

Sabíamos ler unha partitura!.

Eu penso que aí estivo a chave do éxito...Non o facíamos mal!

(Dígoche éxito, pois realmente estabamos moi solicitados...mesmo tivemos propostas para ir a Alemaña, e tocar- cun contrato garantido- as fins de semana!)

...

Aquí , en Santiago, tocábamos no CHACHA CLUB.

Era unha Sala de Festas que había, onde hoxe é o garaxe da Farmacia Holgueras, en Alfredo Brañas.

Sempre estaba cheo!

Tamén nos chamaban – como nos querían! – da Coruña.

Era o Hotel Club LA HIPICA , onde hoxe está o Hotel Finisterre...

...

Home, claro que foi marabilloso!.

Facíamos o que nos gustaba, e pagábannos!

...

Grazas a Luis - meu cuñado - tiñamos un equipo de música do melloriño: altofalantes, mesa, instrumentos...300.000 pesetas, a pagar sen intereses

- e descontado no primeiro ano! –

....

As cancións eran daquel tempo. Novas.

Cantábamos as versións en castelán que facían os Brincos , Mustang, Sirex, Lone Star, Formula V...

Cando tocábamos en Coroso –Riveira, sempre facíamos bis con “la plage”,  - unha francesa lenta, moi coñecida grazas ós Lone Star  - aqueles de “Mi calle”, “Lyla”-

As italianas tamén eran habituais: eu aprendín italiano con “ io che non vivro senza di te”...

Dos Creedence sempre saían un par delas:  “Proud Mary”, “Wholl stop the rain...

A min , unha das   que máis me gustaba era a de “500 millas"- os  Mustang: en el tren,  que se alejó...."



X



Contábame todo iso, namentras tomábamos algo no Gato Negro, ou no 42.

Eu, abraiado , escoitaba – e inquiría  impaciente - todo canto Jhony falaba con  naturalidade

( nunca con  presunción, nin fachenda ).

Era unha amizade consolidada : tazas , cancións, arte, Compostela, solpores, lembranzas míticas de sitios desaparecidos....



XI



Cando, en abril do 2011, vin a Jhony no nº 15 da lista eleitoral de CR 11 para o Concello de Santiago, non  fiquei abraiado....

Músico, fontaneiro, pescador, confrade...

 militante?

Siiií!

Jhony  é persoa : fillo do seu tempo, home comprometido, coherente, con valores e principios elementais, baseados na propia dignidade

( enténdese, perfectamente, que renunciase a figurar, e gobernar, nos tempos convulsos da crise municipal destre 2014)




Epílogo



Agora -cando imprimo estas notas- Jhony é un avó feliz, que  pelexa comigo –de cando en vez- pra que lle dea as pezas inoxidábeis –mínimas -, ábreme as bolsas ho !,  para aquela  reforma caseira  puntual...

e que , marchando con presas, sempre se despide dicindo:

Temos que quedar, e falar....daquela música!

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada