martes, 2 de junio de 2015

Ucronía



I

Hai moitos anos, Magnus von Lagerström  (1691-1759 ) percorría o mundo como representante da “Compañía Sueca das Indias Orientais”, unha empresa que comerciaba  cos   territorios orientais do planeta –cada vez máis coñecidos e valiosos- : China, India, Xapón...

Gran afeccionado a botánica , un día  calquera do 1748 apareceu en Upssala cun exemplar arbóreo descoñecido  que atopara na China, pero que viu abondoso na India: era un arbusto con porte de árbore, coa casca lisa e fácil de arrincar, cunha tonalidade amarela -esbrancuxada, semellante ó cobre ; tiña follas , que logo caeron, cun verde brillante, vistoso… e as flores, en acios redondeados, cheas de estames que se transformaban en pétalos  formando dobres  xogos florais cunha cor rosada lucida  e atractiva…  
  
A elección de Upssala non foi casual: alí  estaba - na Universidade -  Carl Linneo (1707-1778) o (grande) primeiro botánico  da historia: o home que foi quén de sintetizar e  crear a máis completa taxonomía clasificatoria do mundo vexetal - Systema Naturae, publicada no 1735 - ...e que naquel 1748 era xa unha figura valorada,  respectada e admirada  en todo o mundo (século XVIII, século das luces!)

Atendendo ó seu parecido, na cor rosa das flores, coa  Lila (syringo vulgaris) Magnus Von Lagerström chamouno Lila das Indias...
E o catedrático Linneo, valorando o traballo e  a valía de don Magnus, púxolle o nome do descubridor : Lagerstroemia indica… denominación científica  que segue hoxendía, of course!!!
Nos libros e folletos botánicos , amén de Lila das Indias, o nome habitual é Árbore de Xúpiter…
(pero esa é outra historia!)

II

Exactamente cen anos antes desa escena en Upssala, o rei de España - Felipe IV - ,  concedíalle a don Juan de Lemos -polos servizos prestados a Coroa española - o Condado de Amarante, Ferreira e Sober. Así que , despois de moitas desas mesturas nobiliarias , tan abondosas na península ibérica, chegamos ó ano 1780… en Compostela. 

O Noveno conde de Amarante, Ferreira e Sober (Lugo ), era o Undécimo marqués de Camarasa (Lleida)  e chamábase  Domingo Gayoso de los Cobos, etc…( 1735 -1803 ).
 Don Domingo tiña cartos, propiedades e bo gusto...

Camiño dos cincuenta, namorado de Santiago, quixo facer aquí o seu Pazo máis senlleiro. Aproveitando unha herdanza de casas vellas, que tiña na Algalia de Abaixo, contratou  ó  mellor arquitecto compostelá que, naquel intre, estaba disposto a expoñer , nunha obra civil, a moda imperante -xa sabedes- : o neoclasicismo; liñas rectas, trazas  xeométricas (triángulos, pirámides, esferas, placas, prismas..).

López Freire, mestre de obras –tamén - do Concello de Santiago, fixo un pazo espectacular  e mesmo foi quén de deseñar un fastoso escudo  na fachada que, aínda hoxe,  causa admiración, representando ós Amarante e Camarasa, cos seus vencellos centenarios...  Sarmiento, Meira, Mendoza, Arias, Gayoso, Cobos , Ozores , Bolaño... Só por ver esta impoñente  mostra heráldica, paga a pena acercarse a Algalia.



III

Máis de douscentos anos despois  do remate desta obra extraordinaria , foron as novas relativas a apertura do xardín, ás que me levaron  - unha mañá  calquera, dun sábado primaveral – ó Pazo de Amarante.

Os aparcadoiros de coches –  o edificio  pertence, hoxe,  a Xunta – ocupan case a metade do espazo.
E, nembargantes, hai unha beleza intrínseca  nese ferrado e medio  de xardín que me  recibe e acolle coma único visitante.

Choveu, escampou, non hai ninguén... e eu gozo neste espazo botánico ilustrado …
É doado contar os poucos exemplares que –estou seguro – superan os dous séculos de idade.



Nove  camelias - camelia japónica  
Un  rododendro - rhododendon spp.
Unha  figueira  - ficus cárica 
Un  magnolio - magnolia grandiflora 
Dous  loureiros - laurus nobilis 


E, grandioso, presidindo o xardín o pé da fonte sen auga, o máis fermoso exemplar de árbore de Xúpiter, Lila das Indias, –Lagerstroemia indica-,  que vin na miña vida!
A idade deulle un porte excepcional, de árbore esvelto, altísimo,  cun toro singular e unha copa redondeada, na que –adornadas aínda por unha pátina acuosa- lucían milleiros de folliñas verdes, anunciando a pronta chegada das flores...

De verdade, foi un impacto visual  fortísimo, que me permitiu  viaxar no tempo: imaxinando como o Xardín de Amarante era o complemento ideal  do Pazo; matinando nesa curiosidade e predisposición daquela xente, para acoller as novidades botánicas...

(pensar  que esta especie chegou  a Europa no 1748, e que teño diante de min ao  primeiro exemplar aparecido en  Galicia, corenta  anos despois...tan  vizoso e fermoso...produce esa vertixe cósmica, que moi poucas veces nos sacude, diante da inmensidade do que meditamos)



IV

Así que , na reiteración do convite botánico que sempre vos fago desde esta bitácora, remato cun par de peticións máis prosaicas  ó  Concello de Santiago , responsable deste parque :

a) Que amañe a fonte , para que funcione. Desentoa moito ver unha xoia pétrea baleira, sen uso. A auga  é un aporte estético fundamental. Non falta en ningún xardín.

b) Que edite, publique e reparta  folletos informativos que salienten a importancia desta histórica alfaia botánica.


                                                         En Compostela, celebrando a festa do pai de Afonso X o Sabio.

No hay comentarios:

Publicar un comentario