domingo, 12 de julio de 2015

Intre (In the moment)


I

A unha certa idade, un xa nin se prantexa baixarse música, ou películas de internet. Naturalmente, por estar en contra de calquera roubo...! 
Pero tamén, pola preguiza que che invade, cando tes que adquirir uns coñecementos rudimentarios para  levar a cabo unha acción, coa que nunca estás a gusto...
(somos tan maniáticos!)
e tamén - e o máis importante - porque mercar libros, discos, películas é unha actividade tan pracenteira, que é imposible deixala.
Un escoita, le, atrapa un nome ó chou, e ponse mans a obra!

II

Ata hai pouco, eu compraba toda a música nunha tenda moi céntrica, que tiña de todo. 
E se non o había, acadábano!
Ti chegabas co teu recorte, onde aparecía a ficha do disco: eles tomaban nota e en quince días, como moito, xa o tiñas.
Por suposto a clave, estaba no trato. 
Nos rapaces que te escoitaban; xamais  se estrañaban das túas rarezas - case nunca levabas algo que estivese alí - e mesmo, nalgunha ocasión, aínda che pedían que lles contases que tal soaba..., pois “ten moi boa pinta”!...
O comercio  pechou, e eu quedei   sen ninguén que me trouxese os encargos musicais. 
Por pouco tempo!

III

Neses azares máxicos, que sempre te sorprenden cando menos o esperas (por iso son azares) baixando por “Tras de Salomé”, atopo -un sábado calquera- un novo escaparate con libros, DVD’s, CD’s... e unha cara coñecida que saúda tras dos cristais.
Foi grandioso!  
Miranda, un dos encargados da franquicia da Praza de Galicia, lembrábase de min - mesmo do nome! - e cóntame que, despois do peche, (tantos problemas!)  tiña moi claro que quería seguir en Santiago... e coa mesma profesión - que lle gustaba tanto -!
Levaba xa uns meses co comercio funcionando: tiña de todo, pero cunha certa diferenciación: Libros de editoriais alternativas, ou pouco coñecidas; case todo en galego; e logo, música, películas... tamén de calidade. 
A tenda está moi ben aproveitada, e el quere que sexa  acolledora. 
Ten sempre unha cafeteira cun café quentiño.
Busca proximidade, faladoiro, que te sintas a gusto... e, naturalmente, consígueche o que queiras...
Imaxinades?
No século XXI, nas pedras milenarias de Santiago, tes unha tenda - o pé da única igrexa dedicada a nai do Apóstolo - que che ofrece cultura, calidade, conversa,... e  satisfai  todos os teus antollos....!
Todos??
Siíí!.
Aquí aparece a maxia!
(os azares son máxicos cando ocorren cousas,  que van dereitas o teu espírito, tan valiosas!)


IV

Foi a semana pasada , cando fun buscar un delicioso libro sobre tantos  tópicos -xa vos contarei-, el estaba a colocar un cartaz: Concerto  no Teatro Principal de Santiago.

Ei!! Teño un disco deles !.
Lembras?. Compreino cando estabas na Praza de Galicia!
Cal?
Home, son moi malo para os títulos, pero é un no que aparecen os dous na portada con cadanseu instrumento... unha xoia !.

E Miranda fochicou na computadora, e logo foi o armario e sacou o disco “In the moment. 2007. Resistencia”. E foi a máquina do café, e puxo dous.


V

E logo, no tocadiscos (reprodutor  de CDs?) empezaron  a soar, o violín de Alasdair Fraser e o violoncello de Natalie Haas.
E  namentres  eu lía, con deleite, a historia de cada canción nas tapas e no libriño interior –un disco primorosamente editado – (imposible “piratear”!), Miranda  recollía libros e revistas  da táboa de cristal, acomodaba cuncas, e acercaba as cadeiras máis cómodas... para escoitar, compartir e falar das alfaias que soaban... só para nós!

E concordamos na elección da canción nº 6 (“John MacDonald’s”) para levala –se tivésemos que escoller- a  unha illa deserta. 
E falamos, abraiados, da beleza feminina que desprende o violín na nº 7, Miss Laura Risk, ou na  nº 9, Natalie Mariah...
E volvíamos  a Cuillin nights (nº 5), a Between (nº 2) e xurábamos que, se algunha emisora de radio difundía Trip to Pakistan (nº 10 ) era súper- vendas, xa!

Despois  encargueille:

A) o primeiro disco deste dúo ... “Fire & Grace”. 2004. (-en dez días, telo aquí !-) E, of  course!,
B) a entrada para ese primeiro e único concerto en Compostela. Imaxinade!

Hai cousas que só pasan unha vez na vida!

Xusto cando eu marchaba –matinando en “Highlander’s Farewell” ,terceiro e último disco, motivo da xira –  aínda alcancei a escoitar:

-Qué alegría!. La primera tienda de discos que encuentro, que no sea El Corte Inglés!!