sábado, 29 de outubro de 2016

Un día calquera

Un día calquera rematas, tarde, a xornada laboral. Foi un dia  rutineiro, vulgar. Como moitos. Vas  perderte  un pouco,  pola zona vella. Polo casco histórico, do que nunca te cansas. Non ves moita xente. Algunha rapaza cos apuntes. Un par de turistas risoños. 

Rubes pola Quintana: moita luz -dos focos- alumeando a Porta Santa; ó ciborio da Catedral, ó convento das monxas mercedarias. O luscofusco ven traendo a noite... Outubro  fresquiño en Compostela. 

Apareces na Acibechería, fronte a impoñente portada de San Martiño Pinario. Pouca xente. Silencio?? NON!. Escóitase música.  Uns acordes, levemente coñecidos, fante parar no teu camiño cara a Praza de Cervantes. Das media volta e baixas, paseniñamente, cara ó arco de Xelmírez, de onde sae a música.


31 de outubro, 2016
Compostela. 

Case as oito dunha noite agradable, solitaria...
Quén pode estar tocando- marabillosamente- este luns de outono?. Camiñando, modiño, identificas o violín potente, harmónico, solista e, moi baixa- facendo acompañamento- unha guitarra. Sentes que se che espiga a pel.

Cal é?. Pregúntaste, buscando na túa inmensa caixa de música (mental), o nome da peza - que soa perfecta nas pedras de Xelmírez- Coñézoa!. 

Estaste emocionando - só - paseniñamente. Ollas unha parella. El, violín. Ela guitarra. Un can deitado. Vagabundos. (Pero limpos) Ela,  loura, ollando o chan. El,-barba branca, de xenio despistado-, abrazado ó instrumento, (podo dicir en éxtase?). O can - mantido- cos ollos pechados. A funda da guitarra aberta, limpa de moedas. Non pasa xente. Ti, sempre tímido, modiño, déixaslles todo o solto que levas. Nin te miran. Tocan. Cal é? Como se chama esta cantiga fermosísima -así cho parece-  emocionado, pel espigada, mirada perdida?
Deus!!

Xa estás fronte ó Hospital Real. Pisas o Obradoiro. Eles seguen tocando... "KROKE"!  Identificas ó grupo, coñeces a cantiga!


Outubro. Día 31 
Noite. Compostela.

Imposible sabe-lo título alí, de memoria... (Nin de coña, preguntar!). Éntrache a presa. KROKE. Nigel Kennedy, violinista excepcional. Non sabes nomes de cancións.
Mais gozas da música.

Na casa, agora, escribindo sensacións, desfrutas. És  feliz.
Soa "East meets East",  o disco que gravou Kennedy con Kroke (e que lle deu fama a ámbolos dous).




Qué pasada (pensas)
......

Oídeme: 
(vos, que sabedes do que falo) 
Alguén

-Quén era?
-De onde viña? 
-Qué vida  traía con el?

tocaba -marabillosamente- unha peza de KROKE chamada Jovano Jovanke (canción núm. 6 do disco citado)

Podedes crerme? Ocorreu nesta cidade. Un outono de 2016. Pouca xente o soubo. Por iso, hai  que contalo, e compartilo...


Compostela, outono  2016

luns, 3 de outubro de 2016

Ombre na Faltriqueira



 - Carta a Ramiro García - 


“A música: esa leria pola que se nos da cando somos novos, que apañamos para nós, e que sentimos como se fose creada directamente para o noso cerebro”
(lido nalgún sitio)


Prezado  Ramiro: 

Había xa tempo que quería compartir contigo o pracer que sinto cada vez que escoito o disco de Faltriqueira. Polo que, aproveitando as Festas do Espírito Santo deste ano, fago público un sentimento gozoso que, de sempre, vai ligado a miña pertenza a Ombre. 
Pode parecer asombroso, pero xa sabes que no meu caso existe un azar, un destino inexorable que, - por calquera escusa-, faime levar a Ombre polo mundo adiante. 
            
É así que Faltriqueira apareceu na miña vida xusto no intre axeitado; aquel no que un está a buscar as orixes; aquel no que un procura o auténtico; o máis sinxelo. Como xa coñeces dende a nosa convivencia infantil, a música foi sempre unha das miñas debilidades. Sabes tamén que nunca fun dotado especialmente para cantar todo aquilo que me gustaba. E nembargantes, letras, notas, ritmos, melodías, fixábanse no meu maxín case sen darme conta. 

Aínda é hoxe que seguen ancoradas na memoria do meu tempo, pezas e cancións sen aparente conexión entre elas: unidas só por insólitos fíos que non é doado explicar. Porque, en definitiva, a música é a arte máis subxectiva que pode haber. En realidade para que haxa música só é necesario que exista un receptor axeitado. 
           
Cando me preguntan qué diferenza ó ser humano dos animais, eu sempre respondo que a música. Ningún animal foi capaz de inventar as sete notas máxicas que, combinadas, producen algo inefable, único e estremecedor. E sempre, agardándoas, un receptor. Respectarei tódalas músicas, aínda as máis simples ou chabacanas, pois sempre teñen alguén que as recibe; alguén ó cal lle din algo. Por iso, a música existirá namentres existan as persoas...

Cando che dicía o da subxectividade, referíame a que, ante unha cantiga, ou un disco, partimos sempre dunha postura (nosa) concreta. Nela danse múltiples situacións, persoais e íntimas, que inflúen notablemente na audición. Por suposto, presupoño sempre unha disposición para oír algo novidoso, ou descoñecido, ou pouco publicitado... Como foi, penso eu, o caso de Faltriqueira. Aínda que ti, pola túa proximidade persoal a elas, xa o sabes, Faltriqueira sacou no 2002 un disco co mesmo título que lle da nome o grupo. (Faltriqueira. Resistencia. 2002)
           
Son catorce cancións perfectamente distribuídas ó longo de  50  minutos -que se nos fan moi curtos-, e  que nos dan a medida da música nosa que se fai hoxendía. I é unha medida alta. Comezando polos atractivos arranxos musicais, impregnados dun certo aire oriental que  acercan e transmiten con verismo e sinxeleza, os sentimentos máis fondos das voces dunhas rapazas que teñen arte. E talento. 
A virtude principal, o meu ver, deste disco, é a súa actualidade. É unha obra do seu tempo –deste tempo actual, no que estamos-, que reivindica ó noso. E que, nas voces das rapazas –María, Ana, Olalla, Carolina e Teresa- evoca todo canto  gardaron e conservaron  as nosas avoas, nas esfolladas, nas muiñadas, naqueles lavadoiros de outrora...
         
Xa che anticipo que só por “a ponte do demo” paga a pena o disco. É unha canción de amor tan fermosa e tan sentida que nunca  cansas de escoitala... Os dous versos do inicio gardan a definición poética máis intensa que lin en moito tempo: 

“algo debe ter a tristeza
cando parece felicidade”

E por riba, a voz solista de Teresa dálle esa fondura intemporal a unha lenda que fixa na memoria do amor eterno, a creación da Ponte da Vila. A ponte de Pontedeume. E xa ves que volto de novo o íntimo, o profundo da música. Porque, podes estar orgulloso da túa filla. E das compañeiras, claro. 
          
Cando souben que Faltriqueira eran cinco rapazas de Pontedeume, faltoume tempo para incorporalas o meu espazo vital. E cando me contaches que Teresa era unha delas, engaiolaron, definitivamente, a miña memoria musical de Ombre. I é así que vexo a Ombre, cada vez que leo ou escoito dos seus concertos en sitios e lugares tan dispares: Canadá, Sudáfrica, Francia, Madrid, Ortigueira...

Faríanme falta unhas cantas cuartillas máis, para trasladarche o que supuxo o seu disco, unha noite calquera de agosto do 2003, nalgún número da Avenida Cabildo, de Bos Aires. Só adiantarche que os convidados non pararon de facer preguntas, de pedir traducións,e de emocionarse escoitando “a herba de namorar•, “muiñeira vella de mórdomo”, “sae lúa”... 

E no remate, cando explicaba que Teresa García Riobó, a túa filla, era de Ombre, todos me pedían máis: da música galega, de Ombre, da infancia, do Eume... I eu, rouco e feliz de tanto falar i explicar Galiza, Pontedeume, Ombre, a nosa veciñanza, a infancia, a vida, a Música...

¡¡Noraboa, e boas festas!!