domingo, 3 de decembro de 2017

Compostela Verde

Portal web de Compostela Verde

Estou contento!

O Concello de Santiago acaba de presentar a súa (renovada?, nova?) páxina Compostela Verde, xestionada pola concesionaria de Parques e Xardíns, que é unha auténtica marabilla (cando menos para un botánico afeccionado coma min). Vai ligazón, e tede curiosidade e paciencia, hai de todo! 

Premede nos botóns da esquerda; por exemplo no de Arboredo singular... e atoparedes centos de fichas moi completas -con fotos actualizadas - non só da Alameda, tamén de Belvís, da Granxa do Xesto, Brandía, Sar...




Imaxinade chegar diante da abeleira - Corylus avellana - da Finca Simeón, darlle a un botonciño e ler:


Etimoloxía

O seu nome xenérico é Corylus, empregado por Virxilio e Plinio, que se derivaría da palabra indoeuropea korys, que quere dicir capuchón ou carapucha, aludindo ás brácteas que envolven o froito. O nome de abeleira procede de Abella (actualmente Avella) unha cidade da Campania (Italia) onde existe un florecente mercado dende a época dos emperadores romanos, célebre polas súas ricas mazás, as granadas e as abelás.


Usos

Na cultura clásica, a abeleira era a árbore da beleza e a sabedoría: dicíase que quen comía abelás adquiría coñecemento sobre as ciencias e as artes. Xa nos manuscritos antigos de China e Grecia descríbense as utilidades da abelá. Os chineses considerábana como un alimento sagrado, que proporcionaba clarividencia, mentres que o grego Dioscórides sinalou os usos da abelá para curar diferentes enfermidades.

As abelás son importantes na alimentación de moitos roedores, do xabarín e das aves fruxívoras. Teñen propiedades nutricionais e medicinais, xa que son astrinxentes, sudoríferas e antidiarreicas. Tamén úsanse en repostería e como froitos secos. En cosmética, coas abelás elabóranse xabóns, perfumes e suavizantes.

Nas culturas céltico e romanas as abeleiras tiñan poderes místicos, simbolizando fertilidade do matrimonio, proporcionando protección e asegurando a localización de tesouros e da auga. É coñecida a predilección dos adiviños polas pólas de abeleira para localizar veas de auga.

A madeira, branca e flexible, utilízase en ebanistería, cestería, marquetería, tornería e carpintería. Tamén emprégase para facer carbóns de debuxo. A súa plantación tamén serve para fixar noiros e congostras.


No día de Santa Icía do 2017

mércores, 26 de abril de 2017

Camiño a Santo André de Teixido


por 
Ramón Otero Pedrayo.
Prólogo e ilustracións de Vicente Risco
(Itinerario d'Ourense  ao San Andrés de Teixido)
Editorial Nós –volume XXVIII –
A Cruña.1929


“...por iso nós viñemos a il, cruzando vals e serras, fuxindo de todo propósito estudioso, pol-a paixón de afundirnos na sinxeleza sin termos da Natureza e da raza”
Ramón Otero Pedrayo. Páx. 199
-Pelerinaxes-


I

( O Libro )


En realidade son dous. Ler un libro sempre che abre camiños, facilita alternativas, descubre tesouros...

Merquei o de Santiago Lamas&Alfonso Mato polo seu chamativo título: “De camiños, viaxeiros e camiñantes”, e pola orla que dicía “Premio Ramón Piñeiro de ensaio 2015”.
(Ed. Galaxia. Vigo. 2016)

Acertei de cheo. E quedei atrapado no primeiro capítulo, cun extraordinario comezo;

“As seis da mañá do luns 4 de xullo do ano do Señor de 1927, cun tempo non moi acaído cos acostumados calores abafantes de Ourense no mes de Santiago, Otero Pedrayo, Risco e Ben-Cho-Shey, armados con chapeus, mochilas, caxatas, cadernos, lapis, estilográficas, auga,chocolate e unha cámara Kodak  xuntábanse...”

E,  na páxina 21,  aparece a nova da publicación:
“No mesmo mes de outubro de 1929, anúnciase en Nós e A Nosa Terra, que Pelerinaxes I xa está a venda-ao insignificante prezo de 5 pesetas-”

Faltoume tempo para ir á moi cumprida bibliografía e atopar, na páxina 195, a recensión da edición facsimilar que -no 1993- fixo Edicións do Castro.

Pola noite lía o libro:
(“Fontán percorreu e cartografou un país de camiños. O país dos homes de Nós, setenta e cinco anos despois, xa tiña estradas e vías de tren...” px. 41) e polo día ía a procura desa edición facsimilar do 1993. Foi na primeira tenda de Sargadelos de Galicia, onde senón?, que tiñan un único exemplar -12 euros-.

Fixen xestións –mesmo tiven contactos que preguntaron no Castro/Sada-. E non atopei ningún outro exemplar.

Os amigos da libraría Gallaecia, mostráronme como procuralo nas librarías de vello... e só apareceu  un exemplar en Sevilla: 140 euros.


II

( A viaxe )


A viaxe comezou o luns dia 4 de xullo en Ourense (“ ao pé da fonte da Alameda do Cruceiro”)

O martes 5 xa chegan a Monterroso (Otero Pedrayo, poeta: escribe  a louvanza ó Xamón)

O mércores 6 fan noite en Palas do Rei ( Alí ten unha botica Avelino García Armesto, seu amigo)

O xoves 7 van no Castromil ata Lugo (onde Evaristo Correa Calderón exerce de anfitrión).

E logo camiñan ata Rábade, onde dormen?? (“unha noite dubidosamente terrorífica”)

O dia 8 venres  chegan a Vilalba. Alí  os agarda Antonio Noriega Varela (“inda non desfixeramos os morrales cando estreitamos no peito ó poeta” )

Sábado 9 camiñan de Vilalba a As Pontes (D. Ramón, coxo)

No coche de liña fan o percorrido de As Pontes  a Ortigueira.

Domingo 10.Un ditoso serán de magnolios en Ortigueira

Luns 11. Camiño de San Andrés con tres amigos (dacabalo, non pode andar). “corría a bota, e a lagosta sabía coma en ningures”




III

( O relato )


Marabilloso diario de don Ramón. Nun exuberante  galego, barroco, antergo, vainos contando a viaxe de cada dia: hai anécdota, máis prima a divagación, a divulgación... Non é un relato lineal. Ao vello xeito xornalístico, cada etapa pode dar lugar a varios relatos independentes, con argumento propio.

Verbigratia:

Día  8.07.27  (durmir en Rábade e saír cara a Vilalba) “A cachoeira das tellas” –os tellados modernos fan medrar o terror das noites-

“Século dazaoito” –solenidade, fortaleza da carreteira. Debería ter miliarios que dixeran en eterna epigrafía: Carolus III -

“Bétula Fidelis”... Abedoeiras! –Ben Cho Shey púxolle por nome Bétula Fidelis. Fieis a montana, o lúar, a Celtia, a nos, os pelengrinos-



IV

( A fascinación )


Fascinante. Eu pensaba nos tres homes. Ben Cho Shey –Xosé Ramón Fernández  Oxea-  o máis novo: 31 anos. Era mestre. Exercera en Cariño. Coñecía Santo  André de Teixido. Estou convencido que foi del a idea.

Vicente Risco tiña 43 anos. Otero Pedraio, 39. Ámbolos dous galeguistas recoñecidos....

Risco debuxou e fixo as ilustracións de todo: desde  o mítico percorrido que aparece na portada do libro, ata os capiteis das máis humildes igrexas, pasando pola captura de intres únicos (mercado de Monterroso; o mesón de Gaibor; Bétula Fidelis; ría de Santa Marta )

...e prologou a D. Ramón!

Unha prístina alfaia!!

“D,Ourense ao san Andrés de Teixido, veleiquí a terra toda debaixo dos nosos pés. E ollai com,andades, qu,ides por terra sagrada”